Thursday 02 de May de 2024

A Xunta destaca o apoio ás axencias de viaxes e ao sector da turoperación con 7M€ destinados a 1.400 negocios deste colectivo


― O Goberno galego vén de publicar a segunda edición das axudas ao mantemento que cobren os gastos de alugueiro e hipoteca dos locais por 350.000 euros

― O vicepresidente primeiro da Xunta fixo balance hoxe no Parlamento galego da resolución das dúas ordes publicadas o pasado febreiro por 3,6M€, unha delas por 2,4M€ para a creación de produto e transformación dixital e outra de 1,2M€ para o mantemento destes establecementos con máis de 400 beneficiarios

 

― A Xunta leva investidos este ano 120M€ na reactivación do turismo galego entre distintas convocatorias de axudas e os 90M€ das dúas convocatorias do Plan de Rescate destinados á hostalería

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe no Parlamento de Galicia o apoio prestado polo Goberno galego desde o comezo da pandemia para inxectar case 7 millóns de euros a máis de 1.400 axencias de viaxes e turoperadores a través de distintas liñas de axudas e das dúas convocatorias dos Plans de Rescate da Xunta.

O Goberno galego vén de publicar unha nova liña por 350.000 euros á que xa se poden presentar as solicitudes e que se destina a facer fronte aos gastos de alugueiro ou préstamos hipotecarios dos locais cunha contía do 90% para gastos subvencionables de ata 10.000 euros e do 80% cando a contía sexa maior.

Alfonso Rueda fixo balance tamén das axudas das outras dúas ordes publicadas o pasado febreiro por 3,6 millóns de euros que contaron con 400 beneficiarios: unha delas de 2,4 millóns para sufragar os gastos derivados da creación de produto e transformación dixital e para abonar as pólizas do seguro de responsabilidade civil e outra de 1,2 millóns para o mantemento destes establecementos.

Ademais, no marco dos Plans de Rescate do Goberno galego este segmento recibiu case 3 millóns de euros para máis dun milleiro de solicitudes, 743 peticións por 2,4 millóns de euros para as axencias de viaxe e outras 230 de empresas e autónomos do sector turístico como guías turísticos por máis de 520.000 euros.

Esta ampliación forma parte doutro paquete de medidas de 16 millóns de euros que a Xunta aprobou o mes pasado para seguir a apoiar ao sector turístico neste ano e que inclúe 3,5 millóns de euros para mellorar as infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes ou 6 millóns para os establecementos hostaleiros axudándolles na adquisición de equipamentos poscovid.

Tamén dentro deste paquete se destinan outros 6 millóns de euros a unha convocatoria á que establecementos do sector da hostalería e turístico poden presentar xa as súas solicitudes para a promoción da dixitalización e o marketing dixital, cun importe máximo de 15.000 euros por beneficiario para financiar a instalación de novo software de xestión, a adquisición de equipamento tecnolóxico básico e para o control da pandemia, así como os gastos derivados dos sistemas de control de teletraballo.

Alfonso Rueda destacou que a Xunta leva apoiando ao colectivo das axencias de viaxes desde o comezo da crise sanitaria, tendo en conta que son un segmento fundamental no conxunto das empresas do sector turístico para comercializar a oferta turística da comunidade e dar a coñecer Galicia como destino seguro e de calidade.
De feito, lembrou que o reforzo da mensaxe da comunidade como destino seguro e de calidade coa posta en marcha no sector das medidas de prevención ante a covid-19, iniciativas pioneiras como o seguro coronavirus para recuperar a confianza dos viaxeiros e o traballo de promoción con campañas como Camiña a Galicia permitiron que Galicia fose en agosto a única comunidade en superar os datos turísticos prepandemia cun 70% de ocupación máis que en 2020 e 27 puntos por riba da media nacional en comparación co 2019. Estas cifras súmanse á boa evolución rexistrada en xullo cun 80% máis de ocupación que hai un ano e superando á media estatal en 20 puntos respecto á 2019.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Xunta engadiu que no marco do Plan do choque para o sector turístico, no que se engloban as liñas de axudas concedidas ás axencias de viaxe, tamén se aprobaron dúas iniciativas para inxectar liquidez ao turismo galego mediante o incentivo do consumo interno.

Trátase da Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia e Elixe Galicia, coas que a Xunta pretende mobilizar ata 10 millóns de euros e nas que as axencias teñen un papel relevante coa comercialización de paquetes turísticos no primeiro caso e na contratación das estancias elixidas polos beneficiarios no segundo. Así, a Xunta xa leva investidos máis de 3,5 millóns de euros no Bono Turístico con 4.300 tarxetas activadas e a previsión de que se activen outras 5.000 ata finais de ano, mentres que no caso de Elixe Galicia xa se venderon 4.500 estadías turísticas en zonas costeiras ou balnearios e en rutas de patrimonio e cultura ou natureza.

Segundo explicou Alfonso Rueda, Galicia foi pioneira e situouse á vangarda na posta en marcha de axudas directas a sectores afectados pola pandemia como o turístico. Neste 2021 o Goberno galego destinou á reactivación do turismo, 31,2 millóns en convocatorias de axudas e 90 millóns abonados á hostalería no I e II Plan de Rescate da Xunta.

Tendo en conta o compromiso da Xunta coas axencias de viaxe e o sector da turoperación, o Goberno galego solicita a implicación do resto das administracións para a recuperación do turismo e solicitou a reactivación inmediata do programa de viaxes do Imserso tras continuos retrasos e a prorroga dos ERTES nesta actividade ata finais de marzo de 2022, coincidindo coa campaña de Semana Santa.